Thursday 02 de May de 2024

O 2023 será o “Ano do Xestal” en Carballo


O PSOE apoiou a proposta do grupo de goberno do BNG para homenaxear ao gran humorista e músico, mentres que PP e TeGa abstivéronse

O 2023 será o “Ano do Xestal” en Carballo, tal como acordou a corporación municipal no pleno celebrado este martes. A proposta do grupo de goberno do BNG contou co respaldo do PSOE, mentres que o PP e TeGa abstivéronse. A intención do Concello de Carballo é conmemorar o 90º aniversario do nacemento e o 30º do pasamento de Carlos Díaz Gestal recuperando e poñendo en valor a figura do gran humorista e músico, que foi unha auténtica referencia para varias xeracións de galegos e galegas, e que residiu no lugar do Seixo (Lema) durante máis de vinte anos,

A proposta aprobada inclúe, ademais da declaración do 2023 como “Ano do Xestal”, a realización das xestións precisas para o traslado dos seus restos mortais dende o cemiterio parroquial de San Martiño de Razo, onde foi soterrado nun nicho cedido provisionalmente, ao cemiterio municipal de Carballo; a creación dunha comisión organizadora dos actos conmemorativos do “Ano do Xestal”, presidida polo alcalde ou persoa en quen delegue e formada por persoal de distintas áreas municipais e representantes de entidades e/ou medios de comunicación aos que estivo ligado Carlos Díaz Gestal durante a súa estadía no noso concello, e o traslado deste acordo aos concellos nos que residiu ao longo da súa vida, así como á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña, para que se sumen, se así o consideran, á celebración do “Ano do Xestal”.

A corporación municipal tamén aprobou dúas mocións presentadas polo PP. A primeira, apoiada polo BNG, implica demandar do Goberno de España a dotación inmediata de trens AVRIL para que a alta velocidade chegue ás cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo, así como a modernización das infraestruturas ferroviarias para que Ferrol e Lugo poidan conectarse tamén á alta velocidade.
Na segunda, á que se sumaron o BNG e TeGa, o pleno insta ao Goberno central a transferir o antes posible á Xunta de Galicia a xestión de todas as competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre.

A sesión, que durou unha hora, completouse con rogos e preguntas de TeGa e PSOE. O primeiro grupo interesouse polo rego das zonas verdes, o servizo de salvamento e socorrismo, a Policía Local e o festival Rexenera Fest, e os socialistas preguntaron pola árbore cortada no adro da capela da Milagrosa por decisión da Igrexa.